Pastoral

Pastoral

PRIMARIA BBDD semana do 30 SETEMBRO ó 04 OUTUBRO


MARTES, 01 OUTUBRO 2019

Bos Días!!!!!!
Comezamos outubro centrándonos despois do arranque oficial do curso que tivemos onte coa Xornada de Orientación. E seguimos sentando as bases do que queremos vivir este curso, continuando coa nosa reflexión acerca das actitudes que debemos ter para seguir medrando. Esta semana repasaremos algunhas actitudes de cara aos demais que poden mellorar o ambiente no cole e na aula, facilitando o proceso de aprendizaxe e incluso a felicidade de todas as persoas que vimos aquí todos os días.
A primeira actitude que queremos traballar esta semana é O RESPECTO: si, o respecto unha vez máis...pero é que o respecto é a base da convivencia. O día a día pódese facer duro. O curso é moi longo, e somos moitas persoas, cada quen coas súas peculiaridades. E, as veces, resulta moi fácil rexeitar a aqueles que non son ou non pensan coma nós. O importante é respectarnos, intentar entendernos e comprendernos. Imos ver un vídeo que amosa a catro animais nunha situación algo comprometida... A ver que conclusións podemos sacar:

REFLEXIÓN: aínda que sexamos diferentes e os nosos camiños sexan contrarios, debemos respectar o percorrido que o outro quere tomar, e, sempre que sexa posible, axudalo a que poida seguir ese camiño con facilidade. Cres que no día a día neste cole hai moitas faltas de respecto? Ti sentes que che faltan ó respecto? Cres que as faltas de respecto son conscientes (para facer dano) ou inconscientes? Que poderiamos facer para diminuír as faltas de respecto?
Palabra de Xesús: Mt 7:12: “Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas”
Este é o clásico: “non fagas ós demais o que non queiras que che fagan a ti”.

MÉRCORES, 02 OUTUBRO 2019

Bos Días!!!!!!
Os valores de convivencia que queremos traballar nos BBDD de hoxe son COMPAÑEIRISMO e a COOPERACIÓN. Como podedes ver na vosa clase, estades separados por equipos de tres ou catro persoas. Deste xeito, podedes colaborar entre vos traballando en equipo. Imos ver un vídeo que pretende ser unha mostra visual da importancia do traballo en equipo:

REFLEXIÓN:  que opinades do traballo en equipo? Gústavos esta forma de traballar? Que beneficios ten para os membros do grupo? Deixámosvos este tempo para que vos expresedes...pero nós estamos convencidos dos beneficios que ten a cooperación: así cando algo non o sabes facer, tes compañeiros que te poden axudar, e, por outra banda, se ti coñeces á perfección algún tema, poderás axudar aos demais e así comprendelo incluso mellor. E lembrade tamén que nun equipo TODAS e TODOS somos fundamentais, todos temos capacidades especiais, algúns somos mellores nunhas cousas, e outros noutras, así que emprega o teu tempo en atopar as virtudes dos teus compañeiros.
ORACIÓN: Noso Pai.

XOVES, 03 OUTUBRO 2019

Bos Días!!!!!!
Seguimos coa semana da convivencia, e retomamos de certa forma o tema de onte. Falabamos do compañeirismo e a cooperación. Viamos o vídeo do da Ponte, porque é verdade que ás veces sentímonos así cos compañeiros, como se foramos tan contrarios entre nós que non puidésemos nin cruzarnos no camiño. Por iso nos parece importante o exercicio de intentar achegarnos, descubrir que son máis as cousas que nos unen que as que nos separan, así que imos facer un pequeno experimento: vamos intentar facer unha lista de 4 cousas que teñamos en común cos membros do grupo no que estamos (poden ser gustos, poden ser persoas, poden ser hobbies...) as imos poñer en común, e logo intentaremos ver se podemos construír unha lista de cousas que toda a clase teña en común.

REFLEXIÓN: pareceuvos difícil? No fondo somos máis parecidos do que cremos, e o importante e intentar buscar as semellanzas, que son o que nos achegan, porque, ó fin e ó cabo, todos somos persoas, todos temos sentimentos, e todos temos dereito a que se nos respecte polo que somos. Ademais, as diferenzas non son malas, se entendemos que non teñen por que separarnos, senón que nos enriquecen.
ORACIÓN: Ave María (María, como nai de todos e todas, é unha cousa que podemos ter en común)

VENRES, 04 OUTUBRO 2019

Bos Días!!!!!!
Hoxe imos falar dos bos modais. A estas alturas todos coñecemos as normas básicas de cortesía e educación...aínda que non sempre as poñamos en práctica. O poder do POR FAVOR e o GRAZAS debemos lembralo sempre. Pero o que hoxe queremos facer é recordar a importancia que teñen na convivencia. E é que os bos modais nos achegan aos demais con respecto. Fan que as persoas que nos rodean teñan ganas de estar con nós. E hoxe traemos ós BBDD a celebración dun día mundial, o primeiro venres de outubro está establecido dende 1999 como día mundial do sorriso. Foi proposto por Harvey Ball, artista comercial e creador do SMILEY (precursor dos emojis). Hoxe unímonos a esta celebración, dándolle ó sorriso o seu valor. Non sabemos se o sorriso está dentro das normas de etiqueta...pero estamos seguros de que si debería estar. Un sorriso abre portas, un sorriso transmite bo rollo, e fai que todos nos sintamos mellor, e ademais, como podemos ver no seguinte vídeo é contaxioso, coa peculiaridade de que, segundo estudos científicos tamén traballa de fora cara dentro: se nos forzamos a poñer un sorriso na cara, este fará que nos sintamos mellor aumentando a nosa felicidade.


REFLEXIÓN: o vídeo contaxiouvos o sorriso? Credes no poder do sorriso, tanto cara afora (facendo que os demais estean máis felices) como cara dentro (aumentando o noso nivel de felicidade? Podemos probar uns días a sorrir máis, a ver si realmente é verdade, total, tampouco se perde nada, non?
E non podemos pasar sen lembrar tamén que hoxe é o día do "COIDADO DA CASA COMÚN"... sabedes que o coidado da casa común está directamente relacionado co proxecto do cole deste ano? Imos dedicar este proxecto a conmemorar o ano internacional da Sanidade Vexetal (2020)...coma todos os anos, faremos tarefas relacionadas con este tema. E, sabedes que o coidado da casa común tamén está relacionado co lema do curso? Pois cando falamos de ABRIR OS OLLOS ó que nos rodea, temos que ter en conta tamén o estado do noso planeta, e FACELO POSIBLE coidándoo. Seguro que xa vistes polo cole os novos contedores de envases e papel que temos este curso...animámosvos a que o fagades posible comezando polo noso cole!!!!!!
Palabra de Deus: (Romanos 8: 19, 21): "Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. 20Porque a creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza 21de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus".
(Pista: cando di "creación", podemos pensar no planeta)

No hay comentarios:

Publicar un comentario