MARTES, 01 OUTUBRO 2019
Bos Días!!!!!!
Comezamos outubro centrándonos despois do arranque oficial do curso que
tivemos onte coa Xornada de Orientación. E seguimos sentando as bases do que
queremos vivir este curso, seguimos reflexionando entorno as actitudes que
debemos ter para seguir medrando. Moitos revisamos a semana pasada a axenda,
para lembrar as normas de convivencia que recolle o RRI do cole. Esta semana
repasaremos algunhas actitudes de cara ós demais que poden mellorar (ou
empeorar) o ambiente no cole e na aula, facilitando (ou entorpecendo) o proceso
de aprendizaxe e incluso a felicidade de todas as persoas que vimos aquí todos
os días.
A primeira actitude que queremos traballar esta semana é O RESPECTO: si,
o respecto unha vez máis...pero é que o respecto é a base da convivencia. O día
a día pódese facer duro. O curso é moi longo, e somos moitas persoas, cada quen
coas súas peculiaridades. E resulta moi fácil rexeitar e apartar (incluso rir) dos
que non son ou pensan coma nós. O importante é respectarnos, intentar
entendernos, e traballar a empatía. Imos ver un vídeo que amosa a dous entes,
en principio moi diferentes (o Día e a Noite). A ver que conclusións podemos
sacar:
REFLEXIÓN: aínda que
pensemos que somos como o día e a noite, temos que intentar relativizar o que
nos separa, e facer un exercicio de empatía, e intentar entender os demais,
porque todos queremos que nos respecten, todos temos o dereito a ser
respectados, así que tamén temos a obriga de respectar ós demais. Cres que no
día a día neste cole hai moitas faltas de respecto? Ti sentes que che faltan ó
respecto? Cres que as faltas de respecto son conscientes (para facer dano) ou
inconscientes? Que poderiamos facer para diminuír as faltas de respecto?
Palabra de Xesús: Mt 7:12: “Así que tratade á xente en todo conforme queredes que vos
traten a vós, porque esta é a Lei e mais os Profetas”
Este é o clásico: “non fagas ós demais o que non queiras que che fagan a
ti”. Unha curiosidade: trátase dunha Regra de Ouro da ética, e está presente da
mesma forma en moitas outras relixións: xudaísmo, budismo, hinduísmo, taoísmo,
confucianismo, e tamén na filosofía moderna...así que algún peso terá, non?
MÉRCORES, 02 OUTUBRO 2019
Bos Días!!!!!!
Os valores de convivencia que queremos traballar nos BBDD de hoxe son COMPAÑEIRISMO
e COOPERACIÓN: Sabedes que dende hai anos o cole aposta polo traballo
cooperativo. Estades sentados formando EQUIPOS de tres ou catro persoas para
fomentar a cooperación entre vós. Imos ver un vídeo que, ademais de poñervos nostálxicos
lembrando a vosa infancia, pretende ser unha mostra visual da importancia do
traballo en equipo:
REFLEXIÓN: que opinades do traballo en equipo? Gústavos esta
forma de traballar? Que beneficios ten para os membros do grupo? Que prexuízos?
Deixámosvos este tempo para que vos expresedes...pero nós estamos convencidos
dos beneficios que ten a cooperación: para os que teñen máis dificultades igual
é máis obvio, o compañeiro lle axuda a avanzar, pero tamén é moi beneficioso
para os que van mellor, porque cando se axuda, cando se explican os conceptos, estes
apréndense mellor, e podemos darnos conta de lagoas que poidamos ter. E lembrade
tamén que nun equipo TODOS e TODAS somos fundamentais, todos temos capacidades
especiais, algúns somos mellores nunhas cousas, e outros noutras, así que non
perdas o tempo infravalorando a ninguén, mellor gáñao pescudando que podes
aprender dos que tés ao redor..
ORACIÓN: Noso Pai.
XOVES, 03 OUTUBRO 2019
Bos Días!!!!!!
Seguimos coa semana
da convivencia, e retomamos de certa forma o tema de onte. Falabamos do compañeirismo
e a cooperación. Viamos o vídeo do Día e a Noite, porque é verdade que ás veces
sentímonos así cos compañeiros, como se nós foramos o día e eles a noite. Por iso
nos parece importante o exercicio de intentar achegarnos, descubrir que son
máis as cousas que nos unen que as que nos separan, así que imos facer un
pequeno experimento: vamos intentar facer unha lista de 8 cousas que teñamos en
común cos membros do grupo no que estamos (poden ser gustos, poden ser persoas,
poden ser hobbies...) as imos poñer en común, e logo intentaremos ver se
podemos construír unha lista de cousas que toda a clase teña en común.
REFLEXIÓN:
pareceuvos difícil? No fondo somos máis parecidos do que cremos, e o importante
e intentar buscar as semellanzas, que son o que nos achegan, porque, ó fin e ó
cabo, todos somos persoas, todos temos sentimentos, e todos temos dereito de
que se nos respecte polo que somos. Ademais, as diferenzas non son malas, se
entendemos que non teñen por que separarnos, senón que nos enriquecen.
ORACIÓN: Ave María
(María, como nai de todos e todas, é unha cousa que podemos ter en común)
VENRES, 04 OUTUBRO 2019
Bos Días!!!!!!
Hoxe imos falar dos
bos modais. A estas alturas todos coñecemos as normas básicas de cortesía e
educación...aínda que non sempre as poñamos en práctica. O poder do POR FAVOR e
o GRAZAS debemos lembralo sempre. Pero o que hoxe queremos facer é recordar a
importancia que teñen na convivencia: os bos modais son importantes para manter
unha boa convivencia con quen nos rodea. “É conceder importancia aos demais e
recibir a súa atención a cambio.” ... Os bos modais tamén nos axudan a atopar o
noso sitio e establecer contacto cos compañeiros con maior facilidade. E hoxe
traemos ós BBDD a celebración dun día mundial, o primeiro venres de outubro
está establecido dende 1999 como día mundial do sorriso. Foi proposto por
Harvey Ball, artista comercial e creador do SMILEY (precursor dos emojis). Hoxe
unímonos a esta celebración, dándolle ó sorriso o seu valor. Non sabemos se o
sorriso está dentro das normas de etiqueta...pero estamos seguros de que si
debería estar. Un sorriso abre portas, un sorriso transmite bo rollo, e fai que
todos nos sintamos mellor, e ademais, como podemos ver no seguinte vídeo é contaxioso,
coa peculiaridade de que, segundo estudos científicos tamén traballa de fora
cara dentro: se nos forzamos a poñer un sorriso na cara, este fará que nos
sintamos mellor aumentando a nosa felicidade.
REFLEXIÓN: o vídeo contaxiouvos
o sorriso? Credes no poder do sorriso, tanto cara afora (facendo que os demais
estean máis receptivos a nós) como cara dentro (aumentando o noso nivel de
felicidade? Podemos probar uns días a sorrir máis, a ver si realmente é
verdade, total, tampouco se perde nada, non?
E non podemos pasar sen lembrar tamén que hoxe é o día do "COIDADO DA CASA COMÚN"... sabedes que o coidado da casa común está directamente relacionado co proxecto do cole deste ano? Imos dedicar este proxecto a conmemorar o ano internacional da Sanidade Vexetal (2020)...coma todos os anos, faremos tarefas relacionadas con este tema. E, sabedes que o coidado da casa común tamén está relacionado co lema do curso? Pois cando falamos de ABRIR OS OLLOS ó que nos rodea, temos que ter en conta tamén o estado do noso planeta, e FACELO POSIBLE coidándoo. Seguro que xa vistes polo cole os novos contedores de envases e papel que temos este curso...animámosvos a que o fagades posible comezando polo noso cole!!!!!!
(Pista: cando di "creación", podemos pensar no planeta)
No hay comentarios:
Publicar un comentario