PRESENTACIÓN PROGRAMACIÓN PASTORAL CURSO 20-21 PARA LAS FAMILIAS

Benqueridas familias.

Como vai sendo xa costume, aproveitamos a primeira campaña do curso (o DOMUND) para presentarvos ás familias o curso dende o equipo de pastoral do centro.

Neste ano especial no que, como xa teredes escoitado, o noso fío condutor é “Coida a vida, ponlle corazón”, a pastoral tamén terá que reinventarse, dado que moitas das actividades que soemos levar a cabo, non poderán ser como adoitaban. Así, polo menos polo de agora, non poderemos ter celebracións nin Bos Días conxuntos, non poderá haber grandes Eucaristías nin de familias nin por etapas, as Merendas Solidarias e as Andainas Solidarias quedan suspendidas á espera de ver se mellora a situación, e o protocolo COVID impide que os profes recollamos diñeiro.

Con todo, queremos seguir mantendo os compromisos solidarios, xa que entendemos que, coma sempre, son os máis febles os que máis sofren, así pretendemos seguir colaborando economicamente co DOMUND, queremos seguir mantendo os APADRIÑAMENTOS, e aportando ó DOMISAL. Dando por suposto que cos nosos rapaces e rapazas, a parte de concienciación solidaria seguiremos a traballala a través das actividades que si seguimos a poder facer: Bos Días, celebracións por clases, titorías... precisamos a vosa axuda nesta reinvención para as recadacións económicas. Nós temos algunha idea, que vos iremos contando ó longo do curso, pero estamos convencidos de que cantas máis cabezas sexamos a pensar, mellores ideas sairán. ¿BOTÁDESNOS UNHA MAN? Polo de agora o que vos pedimos é relativamente sinxelo: facémosvos unha pregunta, que podedes contestar ó Esemtia da coordinadora do equipo (no destinatario marcade: Coordinación de Pastoral) QUE INICIATIVAS PODEMOS PROPOÑER ÁS FAMILIAS PARA RECADAR DIÑEIRO PARA APOIAR OS NOSOS COMPROMISOS SOLIDARIOS?

Para saír ó paso desta primeira campaña, o DOMUND, sumámonos directamente ás propostas que nos achega Obras Misionales Pontificias a través do seu representante na nosa diocese, e achegámosvos a conta de donativos para o DOMUND, que permite tamén doazón a través de Bizum, como podedes ver na imaxe, e accedendo a través do seguinte enlace: https://domund.es/


Finalmente, e para que esteades informados do que pretendemos facer dende a pastoral para este curso 20-21, incluímos a programación que imos seguir, coas datas máis relevantes, as campañas e a forma na que as imos traballar.


Na programación atoparedes moitas actividades con interrogante...son as que non sabemos se poderemos levar adiante. Iremos informando das que fagamos, ou das alternativas coas que nos vaiamos adaptando a cada situación.

Se queredes coñecer máis a fondo a forma na que a pastoral se transmite ós vosos fillos e fillas, pensamos que a mellor forma de coñecernos é a través dos Bos Días, que colgamos para cada unha das tres etapas neste blog de pastoral todas as semanas.

Moitas grazas de antemán polo voso apoio á pastoral do centro, e pola vosa solidariedade con todas as iniciativas que realizamos...sabemos que esta situación especial non vai diminuír as vosas ganas de colaborar!!!

Un saúdo virtual pero agarimoso: Equipo de Pastoral do colexio Don Bosco. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario